CESÁREO HERNÁNDEZ PÉREZ

 

 

Onte, día das Letras Galegas, faleceu Cesáreo Hernández, compañeiro noso de colectivo.

Queremos facer patente o noso máis fondo penar e acompañar nestes momentos tristes á súa dona e fill@s.

 

 

       O día das Letras Galegas é un día de festa e ledicia, non é un día para pensar na morte, nin para sentila..., como non o serían o día de Noiteboa, o de Aninovo, o domingo de Pascua, a festa padroal ou o día no que te vas a un congreso..., poño por caso...; non é un día para que morra ninguén. Pero a morte, que ven e vai da man da vida, non pide permiso, e se te achega cando quere (prefiro imaxinar que ambas as dúas ledas), chiscando un ollo e dicindo con cara de ledicia: “¡Ei, ti! ven camiñar connosco”... E, a partir de aí, segues o camiño con elas.
       Mudas de hábitat para ir pintar outras paisaxes, mudas de ambiente para ir operar outros seres, mudas de tempo para ir soñar outras realidades..., ata que nos volvamos atopar e nos ensines, outra volta, os teus cadros novos...

 

Nas Letras Galegas deste ano, ninguén coma Lois Pereiro para falar de morte e vida, de enfermidade e saúde, de esquecemento e amor...
Unha poesía súa:

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.

 

Santiago de Compostela, mércores 18 de maio de 2011

 

 

A súa páxina nesta web.

 

Volver á páxina índice