Universidade de Vigo

Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública

 

Proxecto

 

O Proxecto uniHcos (UNIversitarios y Hábitos de vida, COhorte de Seguimiento), que ten como nome completo “Cohorte dinámica de estudiantes universitarios para el estudio del consumo de drogas y otras adicciones”, é un estudo de investigación de cohortes, que ven analizando os hábitos de vida (exercicio físico, alimentación, consumo de alcohol, tabaco e drogas ilegais, e uso de internet) en estudantado universitario do primeiro curso das carreiras das universidades españolas que participan nel (entre elas, a de Vigo), dende o curso académico 2011-2012.

Está financiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad a través do Plan Nacional Sobre Drogas.

O obxectivo deste proxecto é coñecer a evolución dos hábitos (ou estilos) de vida e o seu efecto sobre a saúde.

Como imos conseguir este obxectivo? Mediante a creación dunha cohorte dinámica de alumnado universitario de primeiro curso de todas as universidades participantes.

Quen pode participar no Proxecto UniHcos? O alumnado de primeiro curso de todas as carreiras das universidades que forman parte deste proxecto (ver en: http://www.unihcos.com)

Se ti es alumno/a de primeiro curso da Universidade de Vigo... estás de sorte!... PODES SER UNIHCO/A!!!

Como funciona isto? Lévanse a cabo enquisas cada dous anos (bianuais) dende o primeiro curso universitario (despois en terceiro e, mesmo, unha vez finalizada a carreira), para determinar o número de persoas que inician ou abandonan os hábitos estudados.

O estilo de vida é o principal determinante da saúde. Na época de estudante na universidade consolídanse hábitos de vida e adquírense outros que van condicionar a saúde nesa época e no futuro. Coñecer cales son estes hábitos e os factores que os determinan, vai permitir a posta en marcha de programas e intervencións que faciliten a promoción de estilos de vida saudables, a educación para a saúde e a prevención de enfermidades. Os estudios de cohortes dan unha información moi valiosa e precisa sobre os determinantes da saúde e da enfermidade.

Que teño que facer para ser UniHco/a?

* Poñerte en contacto co proxecto no enderezo: http://www.unihcos.com .

* Nas seguintes semanas recibirás unha carta por correo electrónico coa invitación a tomar parte no estudo.

* Terás que dar o teu consentimento e completar una enquisa online que che levará uns 20 minutos.

* Despois, cada dous anos, recibirás novos cuestionarios para coñecer a evolución dos teus hábitos de vida e da túa saúde.

A información obtida é totalmente confidencial e anónima, e é almacenada nun ficheiro de datos automatizados, de acordo co que establece a ‘Ley Orgánica 15/1999, de 13 de diciembre, de Protección de Datos de Carácter Personal (LOPD)’, (BOE nº 298, de 14-12-1999).

Sen a túa participación e compromiso o estudo non será posible, así que... animámoste a colaborar por unha Universidade Saudable!

1 máis 1 suman 2, máis 1 suman 3... máis... suman... o todo...

Se xa colaboraches no estudo, dámosche as grazas, porque a túa participación e a dos teus compañeiros e compañeiras é moi valiosa para mellorar o coñecemento de moitos dos problemas de saúde previbles dos nosos días.

 

Como di o proverbio africano:

“Moita xente pequena
en moitos lugares pequenos
farán cousas pequenas
que transformarán o mundo”

 

Di Gianni Rodari:

“Se tiramos unha pedra a un estanque
provocamos unha serie de ondas concéntricas sobre a súa superficie
que van ampliándose e afectan pouco a pouco a toda a superficie,
e tamén aos obxectos e obstáculos que encontren ao seu paso
(unha herba, unha barca, un sedal de pescar...),
mobilizándoos e obrigándoos a entrar en contacto uns cos outros
o
u, cando menos,
a oscilar ao unísono,
e a saír da súa soidade e quietude.
Outros movementos invisibles
propáganse
cara a profundidade e en todas direccións.
Mentres a pedra segue baixando,
remove algas, asusta peces, axita moléculas...
e cando por fin toca fondo,
remove o limo, golpea outros obxectos caídos anteriormente
e que repousaban esquecidos,
tapando uns coa area e destapando outros...”

 

Máis información en:

http://www.unihcos.com   //   http://unihcos.blogspot.com.es

ou a través das redes sociais (Facebook, Tuenti, Twitter)

 

Preguntas máis frecuentes (FAQ):

http://www.unihcos.com/faq.html

 

Xullo 2015

 

Inicio