Ciencia en Galego

 

Estratexia da Universidade de Vigo para:

   Levar a cabo divulgación científica en galego.

   Visibilizar á sociedade e aos centros educativos de ensino non universitario o traballo dos grupos de investigación.

   Traballar cos IES en proxectos conxuntos (sobre todo en 3º e 4º da ESO).

 

Na Universidade de Vigo organizan:

   Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i).

   Área de Normalización Lingüística (ANL).

   Área de Comunicación Científica.

   Área de Imaxe.

   Grupos de investigación (dende os proxectos que teña cada grupo).

 

Actividades:

 

O coronavirus e a COVID-19 deron ao traste con moitas das actividades que estaban pensadas, tanto para a universidade, como para os centros de ensino non universitario. Pero deu tempo a facer algunhas.

 

Mesas redondas:

Nos tres campus da Universidade de Vigo.

A finalidade era contribuír a unha meirande divulgación da ciencia en lingua galega; ou sexa, amosarlle á sociedade, tanto que o galego é unha lingua da ciencia, coma que a ciencia é un eido clave para a normalización da lingua.

No Campus de Pontevedra tivo lugar o 20 de novembro de 2019, ás 17,30 h, na Facultade de Belas Artes.

 

Calendario do 2020:

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo elaborou un calendario do ano 2020 cos grupos de investigación que participan no proxecto Ciencia en Galego (o noso grupo é o do mes de outubro).

Dispoñible en:

https://www.uvigo.gal/sites/uvigo.gal/files/contents/paragraph-file/2020-01/calendario_ANL_2020_2.pdf

 

Exposición da Universidade de Vigo:

A Universidade de Vigo levou a cabo unha exposición sobre a investigación e a divulgación científica que fan en galego os grupos de investigación dela: “En galego! Exposición sobre a divulgación científica na nosa lingua”, inaugurada en setembro de 2021.

Panel do grupo MP1:

  

 

Material didáctico para centros de secundaria:

Elaboración de Guías Didácticas / Unidades Didácticas para os Institutos de Ensino Secundario.

Feitas polos grupos de investigación da Universidade de Vigo, e o profesorado e alumnado dos IES, sobre os proxectos de investigación que están a levar a cabo os grupos e que sexan temas de interese nos institutos.

Para difundir entre os IES das provincias de Ourense e de Pontevedra.

As guías didácticas contarían cun contexto global sobre o ámbito de coñecemento no que traballa cada grupo, para pasar a outro máis específico sobre o tema concreto da investigación e, posteriormente, outro centrado nos logros da investigación. Cada guía incluiría un número determinado de actividades para realizar na aula.

Presentación da primeira fornada de guías:

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/uvigo-achegase-ao-ensino-secundario-divulgando-conecemento-desenvolvido-seus-grupos-investigacion

A que elaborou o noso grupo de investigación:

Maceiras L, Estévez JR, García D, Lamas J, Lozano M, Maceiras M, Segovia A; Gulín A, López J, Méndez MJ. A saúde e os seus coidados no Camiño Miñoto Ribeiro. Vigo: Universidade de Vigo; 2020.

Dispoñible en: http://hdl.handle.net/11093/1716

 

Buscar sinerxías con eventos de divulgación científica xa establecidos:

Pontenciencia: http://educacion.pontevedra.gal/pontenciencia/

MakerFaire: https://galicia.makerfaire.com/

Outros...

 

Ciencia en Galego:

Externalización e transferenciado do que se fai na universidade á sociedade

e traballo cos IES

Proxecto Ciencia en Galego co IES Sánchez Cantón  

Bienio: cursos 2019-2020 e 2020-2021

 

No grupo MP1 entendemos que debemos traballar non só en temas de metodoloxía científica estrita, senón tamén con temas que seguen métodos rigorosos, que son distintos segundo os campos nos que se traballe; por exemplo, a metodoloxía é distinta en medicina ca en historia, en periodismo ca en educación, en belas artes ca en física, en matemáticas ca en linguas..., pero se están ben feitas, todas as investigacións son igualmente valiosas. A investigación é un procedemento de reflexión e de traballo sistemático (ademais doutras cousas), e entendemos que é isto o que temos que transmitirlle ao alumnado, que é importante calquera ámbito do coñecemento.

O proxecto Ciencia en Galego, para traballar o grupo de investigación MP1 da Universidade de Vigo, do Campus de Pontevedra, co IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, foi aprobado no equipo de investigación o 2-9-2019, e no Consello Escolar do IES o 4-11-2019.

 

 

2019-2020

 

O proxecto planificouse para contar coa participación de profesorado de todos os departamentos (especificamente: bioloxía; educación física; educación plástica, visual e audiovisual; física e química; francés; inglés; lingua castelá; lingua galega; matemáticas; música; relixión; tecnoloxía; e xeografía e historia), da biblioteca, do club de ciencia, do grupo de normalización lingüística (GNL), do grupo de teatro e do horto escolar; asemade do alumnado: nas aulas e nestes grupos de traballo, así como da ANPA e as familias que colaboren en actividades do centro, e quen quixese e puidese unirse a e nun proxecto interdisciplinario e transversal.

Establecéronse tres coordinacións de profesorado: Ciencia (Jaime Rodríguez Abilleira, coordinador do Club de Ciencia) en Galego (Xosé Luís Janeiro Espiñeira, coordinador do GNL), e Biblioteca (fundamental para a bibliografía; Soledad Mª Estévez Vila, encargada dela).

 

Organizáronse actividades para a Iniciativa 11-F: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

Entre elas, dúas charlas:

1) Mulleres de Ciencia. Mulleres na Educación e na Ciencia. Quen? Que? Cando? Onde? Como? Por que?...

2) Rosalind Franklin e o ADN. Experta na fotografía mediante a técnica de difracción de Raios X que aplicou á molécula do ADN, e en temas de carbono e virus.

Relatoras: profesoras da Universidade de Vigo pertencentes a este grupo de investigación.

Fixéronse en colaboración con profesorado de bioloxía e xeoloxía, física e química, e o profesorado que titorizaba aos grupos nos que se levaron a cabo.

 

Conseguiuse para o centro a denominación: IES Sánchez Cantón #Centro11F.

 

O alumnado realizou traballos sobre mulleres e ciencia, e sobre saúde e enfermidade.

 

Outras actividades quedaron en agarda de tempos mellores, nos que se poidan facer saídas a outros lugares, para poder aprender e investigar en directo...

 

Elaborouse esta páxina web co resumo do proxecto de colaboración entre o grupo de investigación MP1 da Universidade de Vigo e o IES Sánchez Cantón.

 

 

2020-2021

 

Partimos coa listaxe de actividades pendentes de facer dende o curso pasado, e outras novas, pero... seguimos en pandemia...

O proxecto segue planificado para contar coa participación de profesorado de todos os departamentos, da biblioteca, dos grupos e clubs do instituto, do alumnado e das familias.

Volveron establecerse tres coordinacións de profesorado: Ciencia (Ana Mª Martínez Fernández) en Galego (Anxos Rial Vidal), e Biblioteca (Soledad Mª Estévez Vila).

 

Organizáronse actividades:

- Para a Iniciativa 11-F: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Entre elas, charlas sobre Isabel Zendal e as vacinas. Relatoras: profesoras da Universidade de Vigo pertencentes a este grupo de investigación. Estas charlas extendéronse a colexios e alumnado de menor idade, ás veces titorizado polo alumnado de maior idade.

- Historia arqueolóxica e xeolóxica da terra. Relator: o arqueólogo Jorge Lamas Bértolo do Centro de Estudos Chamoso Lamas, do Carballiño, colaborador con este grupo de investigación.

Fixéronse en colaboración con profesorado de bioloxía e xeoloxía e o profesorado que titorizaba aos grupos nos que se levaron a cabo.

 

O alumnado realizou traballos sobre mulleres e ciencia.

 

E, coma o curso pasado, hai actividades que quedaron en agarda de tempos mellores, nos que se poidan facer saídas a outros lugares, para poder aprender e investigar en directo...

 

Comentarios, suxestións, petición de información, etc. a:  

 

Inicio