Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública

Investigación

 

RESUMO DOS RESULTADOS NA

UNIVERSIDADE DE VIGO

Este é un resumo dos resultados preliminares que obtivemos no estudio epidemiolóxico 'Avaliación dos factores de risco das infeccións respiratorias'. Para unha mellor comprensión, evitaremos a terminoloxía técnica na medida do posible. Nembargantes, se queren ampliar algunha información, póñanse en contacto connosco e atenderemos con gusto as solicitudes.

Metodoloxía

Estudio de Cohortes anónimo na poboación do persoal da Universidade de Vigo (1.672 persoas).

- Cuestionario inicial, co que se establece a clasificación dos individuos para cada factor de risco (ambiente familiar e laboral, factores psicolóxicos, dieta e consumo de alcol e tabaco).

- 4 cuestionarios trimestrais, cos que se ten un seguimento do individuo para saber se se produce unha infección e avaliar se o seu nivel de estrés ten relación coa aparición da infección (o único factor de risco estudiado que supoñemos que varía co tempo). ). O vencello destes cuestionarios co inicial estableceuse mediante un código de 8 díxitos formado pola data de nacemento, sexo e categoría laboral (profesor ou PAS).

Avaliación da participación

Responderon ó cuestionario inicial 650 persoas (participación media do 38,9%), das que o 34,2%  remataron o estudio contestando a tódolos cuestionarios.

Descripción da poboación

Na táboa seguinte amósanse diversas características das persoas segundo o grupo ó que pertencen.
En negriña figuran as diferencias estatísticamente significativas entre xéneros, e en cursiva entre profesorado e PAS.


 

Incidencia de infeccións respiratorias

Estableceuse unha infección en base a superar un índice de síntomas de 12, nunha escala de 0 a 24, xunto con resposta positiva á sensación subxectiva de catarro e á secreción nasal durante máis de 2 días seguidos.

Con estes criterios houbo unha media do 11% de persoas consideradas infectadas en cada envío, resultando un total de 147 casos.

Cabe destacar que a incidencia de infeccións nos meses cálidos, nos que se esperaban menos valores, foi aproximadamente a metade da dos meses máis fríos.

Factores de risco das infeccións respiratorias

As mulleres refiren un índice de síntomas un 23,7% máis alto que os homes, e contraen a infección un 30,5% máis que os homes (diferencia estatísticamente significativa).

Os factores psicolóxicos son o elemento de risco máis importante das infeccións respiratorias.
As persoas con meirandes índices de estrés percibido tiveron un risco máis de dúas veces maior que as menos estresadas.
As persoas con maiores valores de ánimo negativo tiveron un risco casi catro veces maior de contraer infeccións. Asímesmo, as persoas con meirandes valores de estado de ánimo positivo tiveron a metade de infeccións que as de menos ánimo positivo (estes dous conceptos non son antónimos).

En canto ó papel do consumo de alcol, parece que un consumo moderado (arredor de dous vasos de viño diarios) exerce un certo carácter preventivo á hora de coller infeccións. Nembargantes, este efecto tense que establecer cunha meirande precisión nun estudio posterior cun maior número de persoas.

Non se obtivo relación entre o consumo de tabaco e a aparición de síntomas nin sobre a intensidade destes. Igual que no caso anterior, é posible que esta ausencia de efecto sexa debida ó pequeno tamaño desta mostra.

Ter no contorno familiar nenos pequenos eleva nun 55% a aparición de infeccións e nun 19,6% a intensidade dos síntomas (diferencia estatísticamente significativa).

Non se puido observar relación entre a aparición de infeccións e os hábitos sociais como bicar ós amigos, estreita-la man e intercambiar obxectos.
Tampouco se observou tal relación coa inxesta de baixas doses de vitamina C ou cinc na dieta alimenticia.

¡¡¡Gracias pola colaboración a tódalas persoas que participaron activamente!!!

Esperamos que este estudio fora de interese.

Dámoslles as máis sinceiras gracias a tódalas persoas xenerosas que participaron nel, aportándonos un anaco de tempo para cubrir os cuestionarios, e, de xeito anónimo ou non, nos fixeron chegar os seus comentarios e os seus puntos de vista sobre o estudio. Sen a súa colaboración, é imposible levar a cabo este tipo de traballos de investigación.

Houbo tamén outras opinións...

Prof. Dra. Lourdes Maceiras García
Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública
Universidade de Vigo
E.U. de Fisioterapia
Campus A Xunqueira
36005 Pontevedra
Teléfono: 9 86 80 17 50
Fax: 9 86 80 17 80
Correo electrónico:   lurdesmg@uvigo.es

Inicio