Chamamento de solidariedade coa catástrofe de Haití
DATOS da exposición e da poxa
Recibidos máis medio cento de correos electrónicos solidarios coa idea de partida, o resultado da sondaxe realizada entre os sanitarios do sistema, arroxa a dispoñibilidade dun suficiente número de obras, de pintura, fotografía e outras técnicas, que, xunto a outros compromisos de apoio operativo comunicados, fan tomar a decisión de iniciar xa os traballos para a organización da exposición e poxa pública de arte sanitario galego solidario con Haití, coa data provisional do 18 de marzo, cunha exposición física das obras desde o día 10 ata o 18, no edificio central da Consellería de Sanidade en Compostela, onde o día 18 tería lugar a poxa pública, en presenza dos medios de comunicación.
As obras que compoñan esta exposición e poxa pública solidaria con Haití, serán todas elas de artistas que son ou foron traballadores do sistema de saúde galego, agradecendo pero non incluíndo outras solidarias ideas sobre exposición de obras de familiares, achegados ou simplemente cedidas para este evento por sanitarios galegos.
Trátase, agora, de facilitar a rápida confección dun catálogo fotográfico e descritivo das obras que forman parte da poxa, para ser distribuído exclusivamente a través da páxina web da Consellería e por Internet para facelo chegar aos posibles interesados na adquisición, igualmente solidaria, das obras.
Así pois, as pezas haberá que fichalas co seguinte índice: Título, Autor, Ano, Técnica, Medidas, alto e ancho, en cm., Prezo de saída na poxa. Estes datos serán remitidos por correo electrónico a Belen.Fiuza.Barreiro@sergas.es .
A fotografía, se se dispón xa dela cunha calidade mínima de 300 puntos por polgada, enviarase xunto cos datos de cada peza (máximo dúas) para revisión polos deseñadores do catálogo. As obras para fotografar e catalogar, ben por non dispoñer de boa foto ou de non ser adecuada a que se remitira, entregaranse en Ofelmaga, previo acordo directo por teléfono: 981 806 669, ou por correo electrónico:
ofelmaga@ofelmaga.es , xuntando os demais datos da ficha técnica.A organización debe dispoñer destes datos, ou das obras para fotografía e catalogación, antes do día 28 de febreiro, para permitir a difusión pública da idea solidaria a partir do, xa próximo, 3 de marzo, poder inaugurar a exposición no inmediato día 10, e facer a poxa pública o día 18 de marzo.
Só resta agradecer a vosa xenerosa e solidaria resposta á mensaxe lanzada, e quedar á espera das suxerentes e atractivas obras solidarias de sanitarios galegos, con prezos de saída igualmente suxerentes para animar a poxa, e que o gran público participe, igualmente, con xenerosidade e solidariedade para coas necesitadas xentes de Haití, e para cos compañeiros de primeira liña nesta xeira internacional humanitaria no Caribe, a quen se fará chegar o resultado económico desta iniciativa sanitaria de emerxencia, dos que non podemos ir pero queremos estar.
Manuel Amigo Quintana
Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2010