Chamamento de solidariedade coa catástrofe de Haití
DATOS da exposición e da poxa (2)
Benqueridas e benqueridos artistas e compañeiros solidarios:
Perdoade, en primeiro lugar, a tardanza de novas sobre a subhasta solidaria, pero estase tardando moito en poder reunir os datos básicos, fotos e obras solidarias, por múltiples avatares na súa dispoñibilidade, impedindo lograr o peche do catálogo e da presentación desta acción solidaria, composta xa de 44 obras (pintura, fotografía, escultura), de 32 artistas traballadores da sanidade galega, que fomos quen de reunilas para agora expoñelas, subhastalas publicamente e doar os beneficios obtidos á atención sanitaria e á reconstrución en Haití e Chile, tamén con poboación afectada nestas últimas semanas.
Doutra banda, as datas da ponte de S. Xosé e a Semana Santa, bótansenos enriba, e todo apunta a ter que retrasar un chisco máis a exposición e poxa benéfica, toda vez que o subhasteiro oficial solidario que dirixirá o acto da poxa, ten algunhas datas xa comprometidas, e tamén faise necesario un certo tempo para a máxima difusión do catálogo entre os posibles compradores solidarios, a través de Internet e dos medios de comunicación.
Estase tamén ultimando a fórmula de canalización dos beneficios pola Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, aos proxectos específicos que estaban xa financiándose, implantados e en desenvolvemento, con cooperación e fondos galegos, tanto en Haití como en Chile, desde antes das súas catástrofes.
Así pois, quedando á espera da confirmación de datas exactas, de inauguración da exposición e poxa benéfica, aqueles que forades rezagados na entrega de datos de obra e fotografía para catálogo, podédela remitir a Ofelmaga (ofelmaga@ofelmaga.es, teléfono: 981 806 669) antes do domingo día 14 de marzo, mentres que aqueles que xa o fixerades, podedes entregar a obra no garda de seguridade á entrada do edificio da Consellería en Santiago, en horario continuado da mañá á noite. As obras estarán custodiadas e seguras ata o día da poxa, e da súa entrega aos respectivos adxudicatarios, baixo póliza xeral de seguro.
Só resta comprometerse a un inmediato envío do catálogo deseñado, e comezar a máxima difusión posible da idea solidaria dos sanitarios Galegos, para convertela en fondos de axuda ás poboacións damnificadas polas catástrofes naturais, tentando paliar as súas enormes necesidades e secuelas consecuentes, como o fan outras accións solidarias desde todos os sectores e desde todos os pobos.
Sen máis que vos comentar, recibide cordiais saúdos.
Manuel Amigo
Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2010
Volver á páxina
de entrada de Haití